
Digamel implanta nos seus almacéns o Código de Barras
Un aforro nos costes de procesamento de datos así como a dispoñibilidade dunha información fiable en tempo real sobre os stocks, son algunhas das vantaxes do novo sistema de radiofrecuencia que DIGAMEL acaba de implantar nas súas delegacións. Trátase dun proxecto de xestión dos almacéns, entradas e saídas de mercancías e inventarios mediante terminais de radiofrecuencia baseados no emprego de códigos EAN13. Deste xeito preténdese reducir os erros de stock, inventarios, pérdidas de tempo e de diñeiro.
O proxecto, financiado pola Consellería de Innovación e Industria e da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, fíxose posible grazas ao traballo dos departamentos de Informática e Loxística da empresa. Despois de máis dun ano de traballo no que se foi implantando de xeito paulatino en tódolos almacéns do Grupo, o código de barras é xa unha realidade.
Entre as utilidades deste novo sistema destacan a posibilidade de dar entrada á mercancía con maior rapidez e fiabilidade, evitando así os erros de dispoñibilidade de material para os clientes; a correcta ubicación da mercancía no almacén; unha maior dedicación do persoal á atención aos clientes, así como unha maior rapidez na preparación dos pedidos ou un importante aforro na realización dos inventarios. En conclusión, este sistema suporá unha maior produtividade para a empresa que repercutirá nunha mellora na atención ao cliente.