<

Noticia

18 Marzo 2013

Subvencións 2013 de Aforro e Eficiencia Enerxética para renovación de instalación de iluminación pública exterior

Beneficiarios

Serán beneficiarios das subvencións contidas nesta resolución:

- Concellos de Galicia.

- As agrupacións de concellos. Nestes casos, deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Todas as instalacións deberán contar cunha auditoría enerxética segundo a memoria técnica a que se refire o artigo 6.B.2 dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es). O incumprimento destes requisitos poderá dar lugar á minoración ou denegación da axuda, segundo corresponda.

Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o seguinte a aquel en que publiquen as presentes bases no Diario Oficial de Galicia.

3. Os formularios da solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) e na páxina web do Inega (www.inega.es) e só poderán ser cubertos e confirmados acudindo á aplicación informática dispoñible no dito enderezo. A súa publicación no Diario Oficial de Galicia faise unicamente para efectos informativos.

4. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 38/981 54 15 37/981 54 15 36/881 99 98 02; do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es. O Inega adoptará as medidas que resulten necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Gastos que se subvencionan

1. Os posibles gastos incluídos no investimento elixible son aqueles conceptos de gasto que poden ser obxecto de subvención, entendendo por tales os seguintes: As lámpadas, reactancias, reloxos astronómicos, luminarias, apoios, cadros de mando, protección e medida, sistemas de aforro (reactancias regulables ou redutores en cabeceira de liña), retirada de equipamentos existentes e a reforma da liña ata un máximo do 25 % da actual rede de iluminación. Non se incluirán dentro desta liña a ampliación de puntos de luz, obra civil, canalización, conexións de servizo, proxectos de enxeñaría nin gastos de legalización. Seguindo os criterios do Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, clasifícanse as instalacións de iluminación exterior en vías (funcional e ambiental), específicas, ornamentais, de vixilancia e seguranza nocturna, sinais e anuncios luminosos, festiva e de Nadal. Tendo en conta a citada clasificación, consideraranse instalacións subvencionables e non subvencionables as seguintes: Instalacións subvencionables: -Iluminación de vías (funcional e ambiental). Instalacións non subvencionables: - Iluminación para vixilancia e seguranza nocturna. - Iluminación de sinais e anuncios luminosos. - Iluminación festiva e de Nadal. As instalacións deberán cumprir como mínimo os seguintes requisitos técnicos: - Sistema de acendido por reloxo astronómico. - Lámpadas cun rendemento lumínico mínimo de 65 lm/W (lámpada + equipamento). - As luminarias novas deberán ser pechadas con aloxamento de equipamento e que presenten como características mínimas: IP 45 no equipamento. IP 65 na óptica. IK 08. Clase eléctrica II. FHSinst igual ou inferior ao 1 %. - Sistema de dobre nivel, independentemente da potencia instalada. - Cumprir co Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, en canto a niveis de iluminación e uniformidade das vías a iluminar que se reformen. - Acadar unha cualificación enerxética A ou B conforme o Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro. Os proxectos que non cumpran os requisitos técnicos mínimos establecidos no parágrafo anterior non serán subvencionables. Considerarase punto de luz o formado por apoio, soporte, luminaria, lámpada e equipamento auxiliar, completamente instalado e conectado. Contía máxima da subvención A contía máxima de subvención será en xeral de 70 % do investimento elixible, tendo en conta que este investimento elixible será como máximo de 60.000 €. No caso de fusión ou agrupación de concellos, a contía máxima incrementarase nun 15 %, do que lle correspondería a cada concello no caso de presentación individual.

Convocatoria: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130315/AnuncioO3G1-080313-0001_gl.pdf